Moito se escribiu, moitísimo, estes meses sobre a confluencia entre as mareas e Podemos; utilizan ese termo, confluencia, nunca coalición, de forma intencionada, dicindo que é o que decidiu a asemblea. Non deixa de ser asombrosa esa afirmación. A súa asemblea votou que o seu movemento se convertera en partido, pero iso non implica que non poidan chegar a acordos con outros partidos se non terán un gran problema de illacionismo. Se chegan ao Parlamento, ¿lle dirán ao PSOE ou ao Bloque que para chegar a acordos con eles teñen que se disolver dentro das mareas? ¿Ou esa premisa só se lle aplica a Podemos? Que a condición para chegar a acordos para concorrer á Xunta sexa que o teu partido, ao que defendes, no que cres, ten que desaparecer, é sinónimo de non querer establecer ningún tipo de negociación, porque para calquera cargo electo que crea no proxecto para o que foi elixido debería de ser inasumible o custo. Non é doado chegar a acordos con alguén que te pide que desapareza o teu partido e do que, ademais, non se sabe que tipo de proxecto quere defender para Galicia. En todos os meses que levan de proceso constituínte só temos lido sobre eles normas que fixan fórmulas xurídicas e como acceder aos postos de saída para chegar á Xunta; nin unha soa liña sobre que medidas queren adoptar para paliar a situación social dos galegos e galegas, que medidas económicas, que medidas sociais, como van favorecer a creación de postos de traballo, que tipo de medidas van impulsar para que os nosos emigrados volvan a casa, como van defender aos nosos agricultores e pescadores. Diso nin unha palabra, e iso é o que hai que discutir na negociación dunha coalición, non que posto vai ocupar cada quen.
Aínda estamos a tempo de nos entender se hai vontade; é doado, simplemente hai que deixar de intentar que Podemos desapareza e empezar a falar de políticas comúns. Falemos de programa, de puntos en común nas nosas respectivas políticas para aplicar unha vez acadada a Xunta e esquezámonos de fórmulas xurídicas que non van ser as que saquen a Galicia da crise. Busquemos puntos en común en proxectos para a xente e seguro que chegaremos a un acordo de coalición.