Máis de mamá que de papá

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

07 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días celebráronse 20 anos do nacemento da ovella Dolly, o primeiro mamífero clonado a partir dunha célula adulta. Menos coñecido foi que padeceu artrite aos 5 anos e que morreu prematuramente aos 6 (cando normalmente debería durar 12). Aínda que hai dúbidas sobre as razóns, hai xente que pensa que se debeu a un envellecemento prematuro.

Dolly foi filla de tres nais: unha deulle identidade xenética, os seus cromosomas; outra puxo un óvulo que foi baleirado para actuar de carcasa e meter aí eses cromosomas; e unha terceira levou o embarazo. A que lle deu os cromosomas tiña 6 anos, así que en principio pódese pensar que Dolly xa naceu con ese desgaste.

Pero agora, un experimento feito en Galicia polo grupo de Ángel Carracedo deixa aberta a porta a que a razón do envellecemento puidese estar na carcasa. Crearon dous ratos xemelgos, diferenciados tan só na carcasa na que se depositou o seu contido xenético. O resultado: aos 2 anos, un dos ratos era un vello e o seu xemelgo estaba feito un chaval. ¿Por qué?

Todos nós recibimos unha parte xenética do noso pai e outra da nosa nai. Pero os óvulos das nosas nais, aparte de poñeren os seus cromosomas, poñen tamén a carcasa do óvulo, que posúe algún material xenético (chamado ADN mitocondrial) que goberna o noso funcionamento. É dicir, se esa carcasa ten algún problema, podería ter un efecto no futuro fillo. Xa ven, en realidade todos nós temos algo máis das nosas nais que dos nosos pais.