Alba de Gloria


Alba, ti es a personificación da Matria moza, o seu futuro. Ti ilustras a nova da caixa finesa, pero a nova es ti, o teu home e os teus meniños. Ti demostras que para poder hai que querer. Oxalá todo vos vaia ben, mellor, e se vos compense abondo polo que sacrificades por este vello, senil Reino, que eu chamo G, pero que vai camiño de ser Proxeria, o país onde todo avellenta. Dades moito máis, infinitamente máis, do que recibides. Nestes tempos ser nai, unha boa nai, é máis importante, vital, que ser maxistrado, catedrático, notario ou escritor de sona, que ministro, subsecretario ou senador.

Está claro que es nai non polo que vén na caixa finesa, nin por outras pequenas compensacións que nunca saldarán a débeda que todos temos coa túa familia, encetando polos que non precisan de axuda algunha para teren fillos e, con todo, non os teñen ou teñen un só, como a media dos galegos. Un, iso si, con roupa de marca a xogo coa de papá ou mamá, iPhone, iPad e outras trangalladas conspicuas, a lo Veblen e a súa leisure class. Eses, os que pensan que só os parvos teñen fillos, que non comprenden o senso e o nervio da vida, manifestado nas mornas tempas bicadas dun fillo querido.

Ti es o sangue da nosa auténtica Alba de Gloria. Hoxe non hai meirande mostra de patriotismo e compromiso co vello Reino que darlle fillos para manter acesos a súa luz e o seu futuro, que é o noso, o dos adultos e anciáns. Non buscaches escusas, como os que responden enquisas sobre por que non teñen fillos, a pesares do seu BMW, das súas cotas polo spinning, o bikram yoga, a súa praciña universitaria e as súas escapadas regulares a Hawai ou Tahití, xunto cos findes de bucólico turismo rural e como groupie global de caducas estrelas dos 70.

Sen dúbida Galicia fai máis que ninguén en España para que Alba, todas as Albas, sexan compensadas. Pero ademais de compensacións, precisamos resultados e mudar esa subcultura Kinderlos que todo o enchoupa, que demostra que para progresar nas alturas éche fundamental non ter nenos, non malgastar o tempo enredando con eles, nin léndolles contos, nin ensinándolles a respectar aos vellos e aos menos afortunados.

E como axiña precisamos resultados temos que compensar en maior medida ás nais e ós pais, porque non hai tantos heroes como Alba e o seu home. A maioría somos xente corrente, con medos, angurias e incertezas no futuro. Compensar nun marco estable, cunha http://leideimpulsodemograficodegalicia.blogspot.com.es/ aprobada por consenso e, se cómpre, mesmo apoiando as reformas precisas para favorecer o sufraxio infantil, de xeito que os nenos conten cando se discuta quen pagará as pensións sen aspirar a gozar delas, canto han pagar, e quen saldará a crecente débeda pública dun país que non mira alén da vindeira semana ou do vindeiro mes.

A tódalas Albas, sacrificadas, valerosas, enxendradoras do futuro, a tódalas Albas de Gloria deste vello Reino, de G e non xa máis de Proxeria, mil grazas, mil bicos, mil flores.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos

Alba de Gloria