Entre mareas e Podemos

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

02 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Por fin, pouco máis de un mes de empezar a campaña electoral das eleccións galegas, constituíuse formalmente a Marea galega. Non foi sen tempo. Non deixa de ser curioso tanto retraso nun movemento político que existe con tal nome dende hai un ano, que logrou varias alcaldías (con distintos nomes) e que herdou e estendeu polo país a exitosa experiencia de Anova e EU (AGE) nas eleccións de hai catro anos. É tan difícil explicar o seu retraso como o seu éxito. Non é doado entender que a súa forza e incidencia no electorado expresan a profundidade do malestar democrático actual. Son moitos os que non comprenden que son votados mesmo a pesar deles: porque a xente se empeña, porque a xente busca ese voto, como ben di un dos seus menos coñecidos pero máis influínte inspiradores.

AGE e as mareas non teñen programa doadamente recoñecible, esfarélanse en anacos que volven xuntarse doutro xeito, teñen varias cabezas que non sempre parecen ir nin pensar na mesma dirección, teñen líderes máis vistos que o TBO que veñen do vello antifranquismo e outros novísimos que ninguén coñece nin recoñece. Non son convencionais nin doados de encarreirar, e por iso van adiante unha elección tras outra. Son moitos os agoireiros que agardan que se peche a fiestra de oportunidades aberta pola crise, que teorizan con fundamento a volatilidade do seu voto. Aínda podemos engadir que unha parte desa volatilidade -vista nas últimas eleccións xerais- está asentada no vello anarquismo por unha banda e pola outra, nunha nova forma de cultura democrática máis relacionada cos valores do consumo das xeracións máis novas que co espírito da vella militancia.

E Podemos que pinta en todo isto? O éxito das mareas confunde aos alleos, pero tamén confunde aos propios. En non saber a que atribuílo exactamente está unha parte destes retrasos e grande parte da confusión que se apreza no interior. Agora sabemos que moitos en Podemos están plenamente convencidos de que sen a súa marca as mareas non terían logrado os resultados das municipais -ás que non se presentaron- nin das dúas xerais consecutivas. O segundo aínda podería ser certo, pero non tanto por mérito das bases galegas de Podemos como do faro madrileño desta novidosa agrupación política. De todos xeitos, algúns pensamos que sen a lóxica xenuína e acumulativa das mareas, en Galicia Podemos obtería o mesmo número de deputados que en Castela-A Mancha. Por outra parte, resulta obvio que AGE naceu e tivo éxito antes do nacemento de Podemos e mesmo o inspirou. O efecto Beiras foi previo e non menos influínte que o efecto Iglesias.

A nova coordinadora das mareas elixida en Vigo anuncia certas capacidades de acordo entre os diferentes compoñentes que parecían máis que perdidas. Entre os membros identifícanse representantes de Anova, de EU, das mareas municipais coruñesa, luguesa e ourensá, dos que marcharon do BNG e aínda dous de Podemos que veñen dicir claramente onde e como queren estar en Galicia. A posibilidade de que Podemos se presente por separado -falouse moito de Carolina Bescansa, pero nunca en público por razóns obvias- é máis remota que a vontade de lograr contrapartidas dende e para Madrid. Agora só lles queda pouco máis dun mes. Non creo que poidan coller vacacións.