A democracia sempre é débil cando a maltratan, manipulable como unha planta nova. Foi unha aspiración revolucionaria europea e americana do século XVIII, o goberno do pobo, que ansiaba converter a todos en pobo gobernante: mesmo escravas, escravos e forasteiros. En douscentos anos logrouse mal que ben avanzar confusamente nese camiño. O frustrado intento de golpe de Estado en Turquía vén ser o primeiro do século XXI na Europa e nos países da OTAN, e sumado aos atentados dos hassassin anuncia os perigos do mundo actual. En Niza, un tolo que quixo ser mártir matou 84 persoas cun camión; en Turquía nunha noite de golpe militar mataron outras 164. O número de vítimas depende da vontade de matar.
Nestes mesmos días, pensamos sobre o golpe que nos deron aquí hai 80 anos. En Turquía, na noite do golpe, todo era confusión. Aquí aínda non saímos dela. Os golpistas do 18 de xullo de 1936 fixeron pasar por guerra a súa rebelión militar, aínda que actualizando o apelido, primeiro foi cruzada, despois civil e logo tolemia colectiva. Quixeron facer esquecer como se desfixeron dos seus superiores xerárquicos. En Turquía só secuestraron ao xefe do Estado Maior, non lles deu tempo a máis. Aquí, a guerra acabou agochando o golpe -tamén provocou unha revolución ao derrubar o Goberno da República-, mesmo para os vencidos, que durante catro décadas sufriron a persecución dos vencedores, enleáronse no exilio buscando culpables da derrota e no interior lamberon as súas feridas na soidade familiar.
Vai sendo hora de repensar o que fixeron hai 80 anos, non uns e outros, senón os uns que deron un golpe contra todos os demais. Por que pasou o que pasou daquela e por que non pasou finalmente o 23F de 1981. Parte da explicación está na determinación para conseguir o fin buscado; unha diferenza equivalente atopamos entre a vontade de exterminio en Niza na noite do 14 xullo e a paralización dos tanques fronte á multitude en Istambul na noite do 15. Vai sendo hora de repensar por que fixeron o que fixeron os golpistas de 1936. Deixar de culpar, como fixeron os propios golpistas, á democracia republicana e aos seus dirixentes: Casares, Azaña, Portela, tamén Gil Robles na seminal versión falanxista: Madrid de Corte a checa.
Revisar tamén a absurda idea asentada polo adanismo da transición de que antes de 1977 aquí non houbera propiamente demócratas. Absurda, porque cando non os había era no inicio da transición, cando viñamos de corenta anos de ditadura orwelliana. Conste que foi bonita, vista dende hoxe, aquela ficción colectiva dun país empeñado na democracia de papel nos xornais, de aula nas universidades, de grada nos estaleiros, de despacho nos ministerios.
Non nos confundamos co que nos contaron. Os avós e as bisavoas, hai 80 anos, sabían moito máis de liberalismo e pluralismo que nós hoxe; da defensa da orde constitucional pola que fixeron caer a un ditador e con el, en diferido, á monarquía que o permitira; da separación Igrexa-Estado baixo o maxisterio de Montero Ríos. Todo iso, xunto cos partidos históricos, a histórica masonería ou os libertarios, levouno para sempre aquel anxo exterminador de 1936.
Só levamos 35 anos vivindo sen a experiencia dun golpe de Estado, non nos creamos superiores aos turcos, nin aos nosos tataravós, que non coñeceron golpe entre 1876 e 1923.