Deixaremos un mundo máis feo

OPINIÓN

11 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Poucos porán en dúbida que imos deixar aos nosos fillos, e aos nosos netos, un mundo peor do que temos recibido. Ademais, penso que vai ser un mundo máis feo do que recibimos e do que temos, menos amable e -o que é o peor de todo- con menos posibilidades de desenvolvemento das potencialidades de cada quen.

Dinamitado o Estado de benestar polo neoliberalismo que está afundindo a Europa, paréceme que terá que pasar máis dunha década, sendo optimistas, non só para recuperar o que fomos perdendo, senón para vencer os tópicos que aniñan nas mentes colonizadas polas ideas neoliberais, polo poder financeiro e pola claudicación diante del dos políticos europeos. Porque haberá que crear, para opoñerllo, un poder que non hai, e que vai ser obra a moi longo prazo.

A UE naceu para manter, soster e salvar Europa pola democracia. Pero hoxe as institucións europeas convertéronse en inimigas da democracia, puxéronse ao servizo dos poderes financeiros e derrubaron os principios de solidariedade que inspiraron as ideas dos fundadores, deturpando así a esencia mesma das ideas europeístas.

É como se uns e outros se tivesen posto de acordo para facer as cousas imposibles, para que todos esteamos pendentes do pan e cada día como ideal supremo, do medo a perdelo, da supervivencia animal á par de que se tolle calquera posibilidade de idealismo, de xenerosa visión do mundo, de ilusionada loita polo porvir.

Refúganse os estudos de humanidades, a visión crítica do mundo; tan só a formación de técnicos, que eses non crean problemas. E defendemos a peor falacia: que temos a xente mellor preparada de todos os tempos. E hai quen o cre. Pero o que temos é o que o poder quere: xente con medo animal ao día a día, lonxe de todo idealismo. Un mundo ben feo.