Presentouna o PSOE en maio de 1980 e ía máis contra o presidente que contra o Goberno. Falouse dunha conspiración na que estaban destacados membros da UCD -o xornalista Luis Herrero citou a Fernández Ordóñez, Joaquín Garrigues e Miguel Herrero-, polo que os ministros Arias-Salgado e Calvo Ortega tiveron que bregar para manter a disciplina de voto no grupo.
Alfonso Guerra defendeu a moción e presentouna como un deber moral, e Arias-Salgado rexeitouna, recordando que o PSOE buscaba chegar ao poder polo atallo. Felipe González, o candidato, expuxo un programa de Goberno e despois de 20 horas de debate, votouse. O grupo parlamentario da UCD quedou só, porque comunistas, andalucistas e tres deputados do Grupo Mixto apoiaron a moción; e Coalición Popular, Minoría Catalana e cinco deputados do Grupo Mixto abstivéronse. Aínda así, a moción fracasou por 24 votos.
Suárez gañou a votación, pero perdeu o debate e quedou danado gravemente. Os ataques contra el foran feroces e Guerra chegou a cuestiónalo como demócrata:
-Suárez tiene miedo al Parlamento y considera la democracia como un mal a soportar.
Meses despois, Adolfo Suárez defendería a democracia ante Tejero e Alfonso Guerra, debaixo do escano.