A aversión ao risco funcionou e o brexit axudou a sumar votos aos partidos tradicionais. Foi a guinda do resultado. O PP fixo unha boa campaña, aceptando que o sistema de partidos cambiou e atacou agresivamente a Ciudadanos; sabían que podía recuperar parte dos seus votantes se os asustaban dabondo e que outra parte ficara frustrada co acordo Rivera-Sánchez que ao final non serviu para nada. Aínda así Ciudadanos permanece. O PSOE tamén atacou con contundencia ao seu novo competidor e tamén atinou. Despois do referendo británico, PP e PSOE lanzaron a dúo a mensaxe de que o voto de cabreo pode desequilibrar o futuro e abrir o abismo. A combinación do ataque dos partidos tradicionais aos novos partidos competidores e as sombras sobre o futuro que abriu o brexit explican parte da subida do PP e o mantemento do PSOE, contra sondaxes, tendencias, previsións e navalladas internas. O pobo é o que máis ordena en democracia e a lei dos grandes número funciona.
As eleccións tamén deron razón a Íñigo Errejón na disputa estratéxica con Pablo Iglesias: IU no Estado non aportaba máis que confusión, resistencialismo e encaixonamento. Reduciu a transversalidade que si aportara en Cataluña a En Comú Podem e en Galicia á Marea e ergueu a pantasma crible dunha fronte de esquerdas do século pasado. A fiestra de oportunidades que estaba aberta e que tan ben aproveitaron nas eleccións anteriores pechárona eles mesmos cunha alianza para sumar votos e escanos que non funcionou. O movemento dos novos partidos repisou e agora terán que pelexar sen vento de cola. Ciudadanos quédase, pero terá que decidir se apoia a continuidade das políticas e a inercia da corrupción sistémica ou se lograr modificar o rumbo dun PP medrado pero que necesita 176 votos para a investidura. Na mesma noite xa lle ameceron, dunha asentada, os 5 do PNV e o de Coalición Canaria. Engado: e un deputado do PSOE que fique na casa doente o día da investidura.
Para completar a explicación do resultado electoral que converteu o domingo ao PP na minoría parlamentaria máis e mellor votada, hai que botar man de dous clásicos da historia electoral española: o cainismo da esquerda e o voto dos anarquistas. Devorarse, en troques de cooperar dende posicións plurais, vímolo agora no empeño soberbio de Pablo Iglesias -herdado de Anguita e outros devanceiros- de superar e vencer ao PSOE sen ningún aceno crible á cooperación. En Galicia completouse coa aparición na escena pública da división interna, en forma de inoportuna e pouco edificante regueifa Iolanda-Beiras; ás habituais regueifas do PSOE, púxolle súpeta sordina unhas oportunas primarias e un Leiceaga que traballou aires novos.
A esquerda gaña cando consigue que voten os anarquistas e perde cando se absteñen. É unha constante histórica dende 1907 que xa foi incorporada como variable por algúns politólogos. Vese ben en Galicia. Organizados ou non, son decisivos. O PP logrou que os seus foran votar e subiu en votos. As Mareas chegaron ao límite pola vía da ilusión e perderon uns votos que parecen estar nese incremento da abstención en tres puntos. Aí tamén parece que foron parar os votos que seguiu perdendo o BNG. Hai hoxe 80 anos, a prol do Estatuto de Autonomía de Galicia votaron até os anarquistas. Arrasou.