Javi

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Non o coñezo persoalmente, pero estou segura de que a el non lle importa que lle chame así, Javi, coma se fose un coñecido da infancia. Porque é un grande, con maiúsculas.

Sigo os seus éxitos desde que era un rapaz. Vino pola mesma escola onde eu cursei a carreira e el decidiu que a súa vida era o deporte. No camiño, moitos atrancos, incluso diría que escaso apoio. Pero estaba claro que Gómez Noya miraba a longo prazo. Ten un palmarés incrible. Entre outros éxitos, foi cinco veces campión do mundo de triatlón.

Pero para min é moito máis importante ser o campión do esforzo, da superación, da limpeza de corazón. Non esquezo as probas do Europeo de triatlón en Pontevedra no 2011. Un deportista inglés intentou prexudicalo. A actitude reiterativa do participante foi denunciada, pero Javi evitou leas máis alá do estritamente necesario. O mesmo cando renunciou á súa ficha galega, que non á súa identidade. Dá xenio escoitalo en galego! Igual actitude cando perigaba a licenza por decisións médicas. Solicita o que considera xusto, loita por conseguilo e xamais deixa de ser discreto.

Por iso merece o Princesa de Asturias dos Deportes. Porque loita contra as adversidades, porque é un exemplo de esforzo e humildade e porque os logros falan por si mesmos.

Asegura estar agradecido e emocionado porque o comparen con lendas do deporte que o precederon no galardón, coma se el non fose unha delas. E lémbrase do seu deporte, que di precisar destes pulos (non é fútbol). Nós precisamos xente coma ti.