Administrar emocións

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

19 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O espectáculo das inchadas fanáticas, os tifossi, os hooligans ou como queiramos chamalos, enfrontados a golpes nos parques públicos, nas bancadas ou nos arredores dos estadios produce unha sensación certamente desalentadora, ou mellor: arrepiante. Desalentadora porque un espera sempre do ser humano outra cousa. Arrepiante porque non se me ocorre outro adxectivo para cualificar tal mestura de abraio, violencia e senrazón. A crónica deportiva anda estes días revolta coa crónica de sucesos. Tampouco é a primeira vez. Seica un dos patrocinadores dos equipos galegos de primeira división puxo como condición para incorporar a súa marca aos equipamentos dos clubes que as directivas responsables dos mesmos eliminasen radicalmente dos seus discursos calquera alusión implícita ou explícita que acirrase as paixóns primitivas entre as afeccións. Unha medida intelixente que honra a marca patrocinadora e as directivas que a asumiron. O mesmo deberíamos facer na política. ¿Quen apaga o incendio que se prende nas campañas electorais, e nas precampañas, con afirmacións, descalificacións, acusacións non sempre demostradas (nin demostrables), adxectivos e arrautos contra o adversario, cando ao día ou á semana seguinte hai que sentarse a falar? ¿Cómo explicarlle á afección (os seareiros) que o que se dicía daquela non conta vintecatro horas despois, que as palabras son paxariñas que leva o vento, espoletas que se desactivan soas? Hai quen se perde pola boca e logo quere facer como que non pasou nada. E hai quen se delata pola boca. Que cada quen poña nomes, que hai para todos. O ser humano ten dúas dimensións, ambas as dúas activas: a razón e o sentimento. O segundo é o máis difícil de xestionar. Aparentemente é moi agradecido, porque apela á víscera do corazón que, como ben advertía o filósofo, ten as súas razóns propias. Mais tamén é o máis perigoso. Logo que se activa non hai xeito de domesticalo (racionalizalo). Unha parte moi importante das razóns do electorado británico no referendo do próximo día 23, por exemplo, fundaméntanse neste principio dos sentimentos, non na economía, como algún queren ver. E outrosí no caso catalán, por falar de dúas realidades próximas e non ter que recuar na Historia. Os responsables da política (de todas as frontes da política) deberían ter isto moi presente: unha vez que se disparan as emocións non é doado suxeitalas e mesmo acaban volvéndose contra os que as encirran. Ou actuamos tendo en conta estas dúas variables ou non acertaremos nunca na política. Sen o equilibrio da razón a paixón se descontrola, o afeccionado que anima o seu equipo convértese nun animal enlouquecido, e o votante nunha máquina instintiva: branco ou negro, ou comigo ou contra min. A democracia é o gran invento da razón a prol do equilibrio de intereses que cómpre logo concertar para facer a vida habitable. A política non é unha idea relixiosa, non se move pola fe, senón pola racionalidade e, ¿por qué non dicilo tamén? pola necesaria conveniencia.