A tiranía do medo

OPINIÓN

13 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A tiranía do medo é un feito claro. Paréceme que é a súa característica principal, porque anula a liberdade do ser humano ao desposuílo do seu libre albedrío, da súa capacidade de elección e, por iso, de ser el mesmo. Tense dito que a alguén tan extraordinario intelectualmente como Vicente Risco a tiranía do medo o converteu no seu escravo.

Así é, sen dúbida, nos eidos da ética; pero tamén, dende logo, cando a propaganda política recorre ás armas do medo e o converte no seu poderoso aliado: medo a que a nosa situación empeore (se iso aínda é posible), medo a perder o emprego, medo a que nos vexamos desamparados na vellez, medo de non chegar a fin de mes... Josep Ramoneda escribiu recentemente un bo artigo sobre os diversos medos dos nosos días.

Os seus promotores fundan o medo en esaxeracións que nada ou pouco teñen que ver coa realidade, en mentiras, na demonización do adversario. Non se procura o que sería lexítimo, ou sexa, subliñar unha realidade, unhas medidas, unha opción política. Trátase mesmo de eliminar a cantos se nos opoñan ou non sexan dos nosos.

Todas as campañas políticas levan agochada a eiva da mentira, da deformación, a tiranía do medo para chegar a un exclusivo fin, que é o voto e o poder. E, como ben dixera Marx, un fin que necesita medios inxustos non é un fin xusto. Marx non podería nin imaxinar as ensarilladas técnicas que hoxe nos poden levar a fins inxustos.

Teño para min que certos métodos de persuasión poden constituír unha verdadeira tiranía para a sociedade, en xeral sen defensas para se enfrontar a unhas técnicas que teñen a clara finalidade de suxestionar e non de informar -e menos aínda de ensinar-. Velaí unha das peores eivas que ao sistema democrático se lle poden apoñer. ¿Solucións? Para outro día.