H ai xente que desprende unha forza especial. Nótase no mesmo momento de coñecelos, aínda que nese intre sexas unha cativa de dez anos. Manuel María desprendía intensidade no seu mirar de ollos profundos. A barba xa gris perfilando os beizos. Os oídos sempre atentos.
Apertoume a man e sentín respecto. Todo o respecto que pode sentir unha nena, que de súpeto intuíu que tras aquela forza habitaba unha gran persoa. Escoitou moito, falou menos, pero cando conversaba, semellaba que o silencio se facía ao seu redor para que as palabras soasen firmes, como era o seu compromiso.
Manuel María non só escribía para nenos, que é o xeito de educar a sociedade. El escribía. Desde o corazón. Desde a loita. Desde a integridade do seu sentimento. Descubriu a historia do seu pobo aos poucos, evolucionando interiormente segundo medraba o seu coñecemento. Superando atrancos, como na súa propia historia persoal. Quizais de aí lle veña esa forza interior, esa necesidade de camiñar e mirar cara adiante. Ler os seus textos tamén debera ser unha necesidade para todos nós. Polo que reflicten, polo interese del na sociolingüística. Porque son fermosos. Porque enchen.
O último ou penúltimo encontro que tivo coa rapazada dun centro educativo foi na miña vila, Cee. Sinto fachenda por telo convidado. Porque iso significa o recoñecemento ao seu bo facer no seu momento, en vida. Agora chégalle doutro xeito, tamén necesario e xusto. Manuel María, grazas.