Confeso. Son desas. Son desas que botaron as súas primeiras palabras en español. Son desas ás que a súa avoa aloumiñaba en galego e os seus pais, en castelán. Son desas que viviron en español a súa infancia e adolescencia. Si, son desas. Son das que vin como lle chamaban pailáns aos cativos galegofalantes. Son unha filla da diglosia. Confeso. Tede piedade de min. Porque tamén son unha desas que cambiou de chaqueta. Que nun momento dado, pasou ao outro idioma. Que recolleu o herdo conscientemente. Que se esforzou por expresarse noutra lingua. Na outra lingua. Son, que Deus me perdoe, unha neofalante desas. Desas que tiveron que escoitar nalgunha ocasión que ninguén que fale galego naturalmente di adeus, ou feder, ou alporizarse. Desas que viu asomar un sorriso de condescendencia a algunha cara cando errou un pronome. Cando siseou de máis e no canto de xouba dixo souba. Son unha neofalante desas. Ás que ás veces lle custa a fonética e onde é aberto pon pechado. Son unha neofalante desas. Ás que lle dá moita carraxe que haxa quen aproveita o idioma para sentirse superior a outro. Que se lembra da xenreira que lle medraba no peito cando lle chamaban pailán ao cativo que falaba galego na escola. Que sinte esa mesma xenreira cando alguén usa neofalante como insulto. Si, existen. Castelanfalantes e galegofalantes que non entenden que no idioma non hai clases. Falaremos mellor ou peor. Ao mellor inventamos palabras. Ou nos trabucamos na pronuncia. Pero falamos. Somos parte da resistencia idiomática. Somos neofalantes. E non temos vergoña. Quen debera tela é quen nos despreza.