Rozaba o reló as dúas da tarde, mércores vinte de abril. Regresaba logo do traballo matinal. Subín no transporte. Radio Nacional de España. Un deputado dos seis que En Marea ten no Congreso dos Deputados falaba da situación dos refuxiados. Unha desas circunstancias terribles, traxedia sen cualificativos, que deben facernos reflexionar aos que pensamos que as emocións son as que moven o mundo. Os que neste recanto de La Voz de Galicia, cada xoves, trenzamos un búcaro de rosas (bos sentimentos) para continuar camiñando. Volvo ao relato. O deputado de En Marea, de quen non cito o nome (nunca foi o argumento ad hominem unha das miñas querencias), falaba de campos de concentración e do IV Reich. Esa era a imaxe coa que quixo ilustrar as súas palabras relativas aos refuxiados. Vouno escribir de novo, aínda que a repugnancia tire cara atrás os meus dedos: campos de concentración, IV Reich. O deputado declarouse en folga de fame xunto con outros de Podemos para protestar contra esta catástrofe. Esta fatalidade do destino: os refuxiados. Podería facerse mellor. Pero a Europa civilizada deixou atrás o nazismo. Citalo, e comparar os campamentos de refuxiados cos campos de concentración, é un disparate. Nomear o distópico IV Reich, un despropósito. Que o faga un representante público no Congreso, a quen a cidadanía paga a súa nómina, xa roza o delirio. Xestos coma este, que parecen habituais nestes días de colectivo desvarío, sementan odio e rancor. Son agresivos en si mesmos. Provocadores e violentos. Os campos de concentración eran outra cousa. O III Reich, tamén. Algúns perderon o sentido común. A sociedade, por fortuna, ten máis altura que algúns dos seus políticos.