Sexualidade diferente

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

11 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Lin en La Voz de Galicia a entrevista a un mozo transexual de dezaoito anos que xa conseguiu que figure un nome masculino no seu DNI e está a recibir terapia hormonal para cambiar de sexo. Conta que recibiu axuda por parte de familia, amigos, profesores, médicos e persoal do xulgado que autorizou o seu cambio de DNI.

Lembrei entón que no mes de marzo saíu á luz unha biografía do gran poeta e premio nobel Vicente Aleixandre. Os comentarios dos xornais centráronse en que por primeira vez fálase abertamente da sexualidade do poeta e cítanse os nomes dos seus amantes, tanto femininos como masculinos. Emilio Calderón, autor da obra, que recibiu o II Premio de Biografías da editorial Stella Maris, destacou nunha entrevista as dificultades que tivo para realizar o seu traballo: «Una guardia pretoriana en torno a su figura ha custodiado celosamente su vida íntima, creyendo que hacían un favor al nobel ocultando su sexualidad».

Comparando as dúas noticias reafirmeime na miña idea de que en Galicia hai unha mentalidade moito máis aberta que no resto de España no que respecta á sexualidade. Demóstrao a integración que tiveron no ámbito rural os fillos de nai solteira. Nin dramas calderonianos nin traxedias. A sociedade incorporaba con naturalidade á nai e ao fillo. E agora integra a ese mozo que naceu con corpo de muller e séntese home. É unha boa noticia.