Amor-odio nuclear

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

24 may 2016 . Actualizado a las 11:35 h.

O núcleo dun átomo de hidróxeno está formado por un protón que, nun 0,02% dos casos, ten ao lado 1 ou 2 neutróns. Cando se intenta xuntar dous núcleos deses, non se deixan, porque as cargas positivas que teñen repélense. Pero se se apertan moito, chega un momento máxico: deixan de odiarse e ámanse de tal xeito que se fusionan un co outro, facendo un núcleo máis grande, que xa non será de hidróxeno, senón de helio. Ocorre ademais que o peso dese bebé é menor que a suma dos cachos orixinais. ¿Onde vai a masa que falta? Converteuse en enerxía, moita enerxía. Ao bebé poderíanselle arrimar outros protóns e neutróns, e iría engordando, fabricando núcleos de novos elementos químicos, deixando polo camiño un cachiño de masa para dala de propina, convertida en enerxía. Ao chegar ao ferro (26 protóns e 30 neutróns) xa se acabaría o choio: non sairía enerxía da fusión. Por iso as estrelas, bombas naturais de fusión nuclear, acaban por morrer fabricando un corazón de ferro.

Os humanos soñamos con controlar ese proceso de fusión, para dispoñer da fonte de enerxía definitiva. A UE e outros seis países intentaron vencer as súas repulsións para fusionarse no proxecto ITER, pagado nun 46 % pola UE e nun 9 % por cada un dos restantes socios. Pero ocorre que a fusión humana éche máis complicada que a nuclear, e o ITER acaba de anunciar un (novo) retraso de seis anos no seu prazo de execución.