Onte cumpriuse un ano da eliminación das cotas. Un ano no que á situación de baixos prezos existente engadíronse os abusos realizados polas industrias lácteas e a distribución ante a pasividade do Ministerio de Agricultura, Xunta e a Comisión Nacional da Competencia. É certo que a desaparición das cotas coincidiu cun mal momento do mercado, cuns prezos á baixa desde mediados do 2014 debido ao desequilibrio existente entre un aumento da produción mundial e un descenso nas importacións de países como China e o peche das exportacións a Rusia. Esta situación agravouse desde abril do 2015 ao quedar liberada a produción da limitación das cotas que levou a un aumento de 4,9 millóns de toneladas no conxunto da Unión Europea, isto é, un 4 % sobre a inicial. Con todo, existen grandes diferenzas entre países, posto que Holanda, Irlanda, Alemaña, Dinamarca e Polonia concentran dúas terceiras partes dese aumento, mentres que o incremento é moderado noutros como Francia, Italia e España, cun 180.000 toneladas no noso, un 3 % sobre o ano anterior.
A situación en España e en especial en Galicia é aínda máis grave. O prezo en Galicia foi no 2015 un 7 % inferior á media española, o que supuxo unha perda duns 57 millóns de euros, que representan uns 6.300 euros menos de ingresos a cada explotación. A industria está a aproveitarse así para impoñer as súas condicións nesta nova situación, seleccionado os gandeiros e impoñendo uns baixos prezos ante a pasividade da Administración e a Comisión da Competencia. O aumento rexistrado na produción de leite desde a eliminación de cotas ascende a unhas 57.000 toneladas, segundo as declaracións rexistradas ata o mes de xaneiro ao FEGA, un 2,7 % máis con respecto aos mesmos meses do último ano con cotas, e está moi por baixo das 189.000 toneladas que aumentou en España (un 3,4 %).
A pregunta a realizar é se este aumento moi moderado da produción é o responsable de que os gandeiros galegos estean a cargar con todo o peso dos excedentes que se poden producir en España ou dos que entran importados a baixos prezos procedentes doutros países. Onde están os efectos do acordo do pasado mes de setembro que a Xunta e o ministerio afirmaban que ían a reequilibrar a situación de distribución do valor dos produtos lácteos dende a produción ao consumo? Nin a distribución, nin a industria cumpriron cos acordos asinados, nin o ministerio e Xunta velaron polo seu cumprimento. O prezo do leite non se recuperou. Seguen os abusos das industrias pagando parte da produción a prezos de leite en po cando despois pode acabar destinada á elaboración doutros produtos lácteos, e noutros casos abandonando a recollida a gandeiros que lles viñan entregando o seu leite desde hai moitos anos. A distribución segue abusando da utilización do leite como produto reclamo cuns prezos por baixo do custo de produción que reduce a marxe das industrias e afoga a economía dos gandeiros.
Estes son os datos e os feitos que explican o escenario nos que se atopa o sector un ano despois do fin das cotas. Desde Unións Agrarias imos a manter a presión para que as Administracións saian da pasividade e actúen contra os que están ao fronte da sabotaxe que está sufrindo o medio rural galego.