Paixón

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Paixón ten varias acepcións no dicionario. As primeiras delas fan referencia a unha explosión case incontrolable de amor e atracción. A medida que imos descendendo pola páxina da Real Academia Galega aparecen o padecemento físico ou espiritual e tamén o martirio de Xesucristo.

Véndoo así, esta Semana Santa foi máis paixón ca nunca xa que, por mor dos terribles atentados en Bruxelas, o padecemento físico estendeuse por aeroportos, trens, estacións de metro e máis dunha cidade enteira.

A xente que saía de vacacións facíao cun compañeiro de pasaxe difícil de tirar de enriba: o medo. Así pois, o padecemento espiritual acabou por cubrir o globo terráqueo por completo.

Con todo, os mandatarios de moitos países deixaron as súas tarefas e saíron de vacacións segundo tiñan programado. Moito non me estraña, xa que agora mesmo estamos nun limbo, ninguén sabe o que lle agarda nin cal son en realidade as súas funcións. Non semella que entre elas estea a de negociar e chegar a entendemento para gobernar o país... ben se ve!

Pois ben. Que vaian, si. Pero agora, despois das vacacións de Semana Santa, e despois da paixón, que reflexionen. Sobre o rumbo do país e tamén o do mundo enteiro, porque se chegamos a este punto nas traxedias, a culpa é máis ca de catro. Globalicemos, que entramos todos.

E despois do tempo de asueto, a traballar. Que para iso son os descansos, para regresar con forza, a mente clara e forte. Ampla.

De paixón non sei canto tempo levan, diría que pouco, pero de vacacións... ás veces semella que anos.