O VII Congreso Internacional da Lingua Española, promovido pola Real Academia Española e polo Instituto Cervantes coa colaboración do Goberno do Estado Libre Asociado de Puerto Rico, vén de clausurar as súas sesións de traballo na illa do Caribe, a illa luminosa que cantaron Pedro Salinas e Juan Ramón Jiménez, a illa onde viviu durante anos o noso Eugenio Granell. En total, máis de duascentas ponencias e case dez mil visitantes, coa participación de escritores de vinte e cinco países. E entre as actividades da xornada de clausura: un encontro coas outras tres literaturas do Estado español.
Non é a primeira vez que, arredor dos congresos internacionais da lingua española se escoita a voz destas nosas literaturas. No ano 2004, cando a celebración do III Congreso Internacional, que dende a dirección do Instituto Cervantes organizara César Antonio Molina na cidade arxentina de Rosario, xa houbera unha representación deste tipo. Nesta ocasión as dúas persoas máis activas foron Víctor García de la Concha (Instituto Cervantes) e Darío Villanueva (Real Academia Española). E alá fomos vascos, cataláns e galegos a falar de nós diante das academias. Todo nun contexto especialmente sensibilizado: o castelán en Puerto Rico ten unha posición respecto do inglés en certos aspectos bastante semellante á que segue tendo o galego respecto do castelán na propia Galicia (posición que, malia retóricas e discursos, estamos lonxe de equilibrar).
En Puerto Rico o inglés é a lingua A, símbolo de estatus social, a lingua que domina dende o cume da pirámide, aínda que a inmensa maioría da xente (a base da pirámide) fale español e viva en español. No español (no castelán borinqueño) afinca a súa identidade unha poboación de arredor de tres millóns e medio de habitantes.
Nas primeiras décadas do pasado século, despois da suposta liberación do dominio de España, os Estados Unidos impuxeron a súa lingua nas escolas para ver de inverter o proceso de reprodución do idioma. A resistencia foi heroica, tanto por parte dos mestres como por parte das familias, que nunca perderon a lealdade lingüística. Hai pouco máis dun ano, logo de varios intentos frustrados, o Parlamento do Estado Asociado aprobou case que por unanimidade unha lei segundo a cal, no proceso de cooficialidade, o castelán considérase a lingua primeira, por riba do inglés (segunda lingua). Tratábase de recoñecer a realidade social, castigada durante tanto tempo.
Mais o problema está agora noutra parte: na gran máquina do lecer e do entretemento, a gran máquina da comunicación, a globalización e o espectáculo de masas sobre todo, que paseniñamente foi eliminando a produción autóctona, principalmente no eido audiovisual, e introduce novos consumos, novas formas de expresión, modas e hábitos novos nos sectores de poboación máis vulnerables. Unha lingua é tamén unha visión do mundo (xerarquías, valores, símbolos, representacións). Os rapaces coñecen o castelán na escola e nas familias, pero a deriva vai cara á gran oferta que impoñen os mercados. ¿Quen equilibra as desigualdades? Ese era tamén o noso debate.