Escribimos para cosernos, para non rompernos máis. Para desafiar á primavera uns días antes de que amaneza, en medio da lúa, e proclame que os paxaros da felicidade existen. Eses que de cando en vez aniñan no teu pelo. Escribimos para resistir. Fronte aos días malos e os días dos malos. Fronte aos túneles sen final. Fronte á procesión dos caladiños do presente, todo tan frívolo. Resistir fronte á memoria, que algunha vez dispara con rabia no medio do corazón. Fronte ás faltas, ausencias, esas caricias que aínda devolven auga, lágrimas, lágrimas aos teus ollos. Resistir fronte esas ganas de quedarse quietos: cando no vinilo da vida só poidamos escoitar a cara B. Fronte á estupidez, ese andazo sen vacina nin curación posible. Fronte aos intolerantes desfeitos en grandes rezos de doutrina, dogmas, etiquetas. Resistir fronte ao rancor. Erguerse como unha flor de magnolio, estes días especialmente. Escribo estas letras para todos os que escribiron na parede «non podo máis». Para os desesperados que deixaron de esperar. Para elas e eles, que aínda teñen o costume de compartir esta columna como bálsamo que todo o cura: amarguras e amargados. Esta columna, a dezasete de marzo, obrigará a levantar o telón do sol no teu adentro. E ha de iluminarte. Para iso escribo, para que resistas comigo. Que non te derroten. Mentres quede sobre esta terra un bico e un abrazo e un quérote para desterrar o frío, haberá esperanza. A esperanza, que non falte. Para que os abandonos doan menos. Resiste, anda. Estás ao principio da vida que resta. Promete primavera. Amanecerá en medio da lúa este marzo. Nin un paso atrás. Este es un nuevo día para empezar de nuevo, cantaba Cabral, Facundo.