Pactos de vergonza

OPINIÓN

14 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Primeiro o Reino Unido e agora Turquía: dúas graves capitulacións da UE orixinadas pola notoria incapacidade dos seus líderes, sen esquecer tampouco os intereses a que estes serven, que pouco ou nada teñen que ver cos de Europa. Unha capitulación, ou cesión se así se prefire, a cambio de nada ou de ben pouco. É moi grave, como xa sinalabamos na outra semana, o terse abaixado, mesmo rebaixándose, diante do Reino Unido; pero rebaixarse agora diante de Turquía ten algunhas connotacións negativas para o presente e para o porvir da Unión Europea, certamente moi difíciles de encarreirar o día de mañá, como, por exemplo, ese esperpéntico compromiso de promover a entrada na Unión Europea de Turquía, país que non disimula o seu islamismo e que descoñece os máis elementais dereitos humanos. Queda á vista a incapacidade dos líderes europeos para resolver o problema dos refuxiados. Este exemplo de incapacidade política desprestixia absolutamente a política europea dos nosos días: Europa creou ou contribuíu a crear o problema dos refuxiados e agora demostra que incapaz de resolvelo. Pero máis grave aínda é ese compromiso de propiciar a entrada na UE a un país como Turquía, que abertamente abertamente incumpre os seus principios esenciais (que agora xa se pode dicir que deixan de selo), sentando un antecedente que, xunto co de Inglaterra, pode supoñer unha ferida de morte para a UE. Pacto de vergonza, total ilegalidade do acordado, financiamento por Europa dun campo de concentración en Turquía..., como se ten escrito, todo isto, e máis, cabe dicir dos políticos que hoxe rexen Europa. Dá arrepío pensar, non só nas mans de quen estamos, senón en que mans, despois de todo isto, aínda podemos estar calquera día. ¡Unha vergonza! A ver qué pasa.