Modelos e deportistas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

10 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Acaba de ser o Día da Muller. Sempre me salta a mesma alarma neste 8 de marzo. Onde o Día do Home? Non existe. Non é necesario. Só por iso, xa sabemos que hai desigualdade e algo non vai ben. Exemplos? Cada día e a cada hora, en milleiros de actividades diferentes. Por iso, unha vez máis, que me digan que na Administración non existe machismo... non é suficiente. Quero igualdade e ausencia de discriminación na empresa privada, no día a día, nas tarefas da casa, na rúa.

É curioso que xusto o día no que se celebraba que a muller é traballadora, sufrida, produtiva, forte... sustento de sociedade, chegara a min a historia de Silvana Lima. Esta moza brasileira é das mellores surfistas do mundo. Pérdome na listaxe de galardóns que obtivo. Ten un sorriso franco e sincero, natural. Con el borra todo o esforzo que a fai erguerse cada día para loitar contra o mar. Os deportistas merecen todo o meu respecto, polo seu afán de superación e polo sacrificio que fan a diario. As imaxes competindo amosan a concentración extrema de Silvana sucando as ondas. É unha auténtica profesional. Un portento do surf. Pero... a piques estivo de non saír adiante na súa carreira por falta de patrocinador. E por que? Víaselle de lonxe o potencial! Ah, si... pero iso dá igual. Porque é muller. E as deportistas, ademais diso, teñen que ser tamén modelos. Porque así o mandan as leis absurdas que rexen a nosa sociedade. Todo isto cóntao ela en primeira persoa.

Existe o Día da Muller, si.