Se lles son sincera, xa tiña ganas de que acabase toda esta lea da non-investidura. Si, porque a distancia se vía que non chegarían a acordo e xa cansa tamén escoitar unha e outra vez en todas as canles da televisión o reconto de votos. Se para algo me serviu, foi para escoitar con claridade de que bando está cada un, ou máis ben, en contra de quen están. Pero iso, se somos francos, xa o sabiamos. Tan só se reforzou a idea.
Así que o ansiado debate que eu agardaba, quedou máis ca nada nun avance da campaña electoral na que, irremediablemente, estamos inmersos. Algo que, como xa expuxen, non me fai graza ningunha, pois sigo insistindo en que a obriga dos políticos é chegar a un acordo, como lle encargamos nas urnas. Por se fose pouco, non se manifestou nin unha soa idea de como solucionar os problemas do país. Ninguén achegou propostas claras e en firme, que é o que precisamos. Co cal, seguimos no mesmo punto que o deixamos antes do Nadal. Seica os Reis Magos non son tan magos como precisabamos, por iso non nos trouxeron un Goberno. Unha mágoa.
E agora, volta empezar. Que canseira, por favor. Xa me imaxino as cadeas todo o día co «ti peor» entre uns e outros. Apuf! Creo que me vou dedicar a ver debuxos animados. Polo menos eles, cando lles cae enriba un problema, sempre acaban resolvéndoo e ata se axudan os uns aos outros, aínda que nun principio sexan inimigos! Ceden, cooperan, arranxan.
Será iso? A ver se no Congreso, en lugar do Candy Crash, tiñan que instaurar o Xabarín Club!