Ataques de cans

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

22 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En Outeiro de Rei tres cans escapáronse dunha vivenda e atacaron a un home que sacaba da súa cadeira ao seu fillo de dous anos para levalo a casa. A nai conseguiu salvar ao neno, pero o pai, con feridas, tivo que ser trasladado en ambulancia ao hospital. O suceso vén lembrarnos nun momento en que se está expondo permitir o acceso dos cans ao transporte público, a tendas, museos e hospitais, que estes animais, a pesar das súas múltiples virtudes, poden ser perigosos, sobre todo porque os seus propietarios non toman as debidas precaucións.

Hai, sen dúbida, moitas persoas que saben educar e controlar aos seus cans, pero moitos outros dan mostras dun absoluto desprezo cara aos demais cidadáns, como proban os excrementos que proliferan nas beirarrúas de calquera poboación.

E, ademáis das molestias, está o perigo que provocan. Os cans teñen reaccións inesperadas para as cales non hai máis control, cando saen á rúa, que a boceira e a correa. Aínda recordo ao enorme can negro que un serán de outono atravesou á carreira unha praia deserta, chegou ata min, que estaba sentada ollando prácidamente o mar, e meteu o seu fuciño no meu pescozo. Se en lugar de xogar quixese roerme, o dono do can, que corría tras el, non sería quen de evitalo. Os propietarios de cans ou outro tipo de mascotas deben facerse conscientes de que as medidas restritivas que a eles moléstanos, son para o resto dos cidadáns medidas de seguridade.