Vinde a verme, por favor. Non me deixedes soa. Cando teñades un momento libre, pasade a facer unha visita. Prometo abrir sempre a porta e os brazos para recibirvos, e tamén vestir o mellor dos meus sorrisos. Dareivos unha aperta e a calor do meu agarimo. Tamén minutos de conversa. Vinde, por favor. Non me deixedes. É máis. Tamén prometo ser discreta, ata límites insospeitados. Perdede coidado polo meu silencio. Que traedes un segredo inconfesable para contarme? Gardareino coma se fose propio. Que queredes facerme unha confidencia? Tamén a manterei no máis fondo da miña memoria. Que o que queredes confesar é un medo? Aquí estou eu para axudarvos. Que esquecedes un maletín cun millón de euros na miña casa? Esquecereime del, coma se fose produto da peor das corrupcións. Porque eu poderei esquecer que no meu faiado hai unha maleta chea de billetes se vós sodes capaces de extravialo e non decatarvos de onde foi o último lugar no que o pousastes. É máis. Se un electricista, por poñer por caso, viñera amañarme a calefacción da casa, que está no soto, e para iso trae un maletín de pel, en lugar dunha caixa de ferramentas... non preguntarei. Evitarei un interrogatorio incómodo, aínda que o devandito cofre quede tres andares máis arriba de onde está a caldeira. Por todo iso, vinde verme. Facédeme unha visita e traédeme algo. Unha gargallada, unha bágoa, unhas flores ou un millón de euros. Prometo aceptalos con igual discreción. Quen non atopa unha verdadeira fortuna na casa? Pois eu!!!