Limusinas

Pedro Puy PORTAVOZ DO PP NO PARLAMENTO DE GALICIA

OPINIÓN

21 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos tempos da Guerra Fría entre os bloques comunista e capitalista non poucos presentaban á terceira vía iugoslava como unha solución de compromiso entre eses dous sistemas políticos e económicos rivais. Daquelas, un chiste lembraba cal era a diferencia entre o esclerotizado comunismo soviético e o aparentemente máis presentable socialismo autoxestionario balcánico: mentras que na Unión Soviética a nomenklatura viaxaba en limusinas, en Iugoslavia era a xente corrente, a través dos seus representantes, a que utilizaba os luxosos automóbiles. Grazas a súa limusina oficial un concelleiro madrileño de Podemos zafou do escrache que lle fixeron un grupo de policías municipais por ter impulsado unha reforma dos servizos de seguridade sen telo consultado previamente cos traballadores afectados. Concelleiro que denunciou por acoso e incitación ao odio aos que lle fixeron o escrache ou acoso (vaia a redundancia). Unha nova que se suma a outras tamén recentes: a destitución pola cúpula estatal de todos os órganos de dirección de Podemos en Galicia, formados por representantes eleitos que foran elexidos a través do que vendían como exemplar proceso participativo de eleccións primarias; a imposición dunha multa de 600 euros a un veciño de Ferrol, de 66 anos de idade, tras ser desaloxado dun pleno municipal por tratar de tomar a palabra sen a autorización do alcalde; ou o desaloxo dos veciños que protestaban nun pleno da Deputación Provincial de Pontevedra pola cancelación dunha subvención polo novo goberno, pleno que houbo de continuar o seu traballo a porta pechada nunha sala anexa. Destas situacións poden extraerse, alomenos, unha moral e unha lección para o futuro. A moral é que cando se interpreta que quen vai na limusina non lle representa, e por tanto calquera acción contra esa persona é un lexítimo exercicio da liberdade de expresión, a conversión desa interpretación nunha regra xeral de comportamento conleva que calquera está exposto a que lle fagan obxecto da mesma acción en uso da liberdade de expresión con independencia de que subira a limusina como membro da caste ou como representante da xente do común. E dado que todos os exemplos anteriores, desde o escrache ou acoso persoal e familiar (outra vez vaia a redundancia) ao uso da rebarbadora a distancia desde Madrid, pasando polas interrupcións do desenvolvemento normal de plenos democráticamente constituidos, son consideradas moi maioritariamente como deplorables, sería bon extraer unha lección cara o futuro. Moitas das que so aparentemente son novas formas de acción política da emerxente Podemos (franquiciada en Galicia como Mareas), e que deron un resultado electoral relativamente aceptable a curto prazo, non son xeneralizables a longo prazo, nin para quen as pon en práctica, nin, o que é máis preocupante, para a convivencia social. O chamativo é que pese a elo, a podemización da política, a procura dunha nova vía, comenza a xeralizarse máis aló do que era o seu terreo natural de acción. Por exemplo, cando o candidato á investidura condiciona o seu pacto á votación das bases do seu partido. Ou, tamén por exemplo, cando no PP algúns se plantexan substituir o sistema de elección de líderes que lle facilitou gobernar en España e a maioría das Comunidades autónomas e concellos por unhas supostas primarias, non se sabe moi ben se para emular os grandiosos éxitos electorais acadados polo PSOE desde que instaurou tal sistema; ou por ignorancia dos efectos que provoca nunha organización política, dos que o propio Podemos é claro expoñente: tendencia ao cesarismo, maior capacidade de interferencia polos líderes centrais máis recoñecidos mediáticamente; ou desigualdades (fundamentalmente económicas) na capacidade de competir nunhas eleccións primarias, como estamos a comprobar nas presidenciais americanas.

Unhas eleccións, as americanas, nas que todos e todas as candidatas continúan cos seus tradicionais rituais democráticos, dos máis vellos dun mundo no que xa non hai nin nomenklatura nin representantes da xente viaxando en limusinas nunhas URSS e Iogoslavia que tampouco existen. Vellas prácticas coas que siguen a decidir, pese a que polo medio se lles cole un Nixon (asi de conservadores son) quen é o cidadán ou cidadá que disfruta catro anos da limusina máis grande, segura e luxosa do planeta.