Tempos de cambio

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

14 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ciclicamente as sociedades piden unha volta. Ás veces tardamos en vela (a necesidade) e cando queremos actuar ou é tarde de máis ou as actuacións teñen un prezo moi alto. Moitos sospeitamos que isto é o que está a suceder, tanto na sociedade española como en ámbitos máis amplos: o modelo de crecemento occidental, por exemplo, e a propia realidade europea. As tensións case sempre son as mesmas. Dunha banda, os axentes conservadores, que teiman en que as cousas sigan como están, apurando a situación ao límite, ás veces con toda clase de argumentos (incluído o argumento do medo), porque desa maneira cren defender ou blindar mellor os seus intereses; e doutra banda, os axentes do cambio e a renovación, non necesariamente revolución, que puxan por transformar as condicións, introducir novas regras de xogo, revitalizar o sistema. Os primeiros xogan con certa vantaxe cando botan man da filosofía dos vellos: «Mellor malo coñecido que bo por coñecer», para que nada cambie. Os segundos teñen ao seu favor a propia necesidade do cambio.

A finais do século XIX e nas primeiras décadas do XX xurdiu en España un movemento intelectual importante que recibiu o nome de rexeneracionismo: Joaquín Costa, o krausismo, a Institución Libre de Enseñanza, preocupados por introducir na sociedade española novos modelos para a transformación da realidade, castigada daquela pola corrupción, o pesimismo, a instalación de grupos dominantes que non daban máis de si e atrancaban historicamente o camiño cara a modernidade. Porque se trataba diso: de introducir a modernidade, ollando cara a Europa naquel momento, actuando sobre a educación e a cultura, modificando as estruturas políticas para avivar os procesos de participación democrática, etcétera. Pode o lector repasar os manuais de Historia.

Non era un movemento revolucionario, aínda que revolucionase algunhas cousas, mais fracasou. En gran medida porque a sociedade non estaba madura para os cambios, e porque os grupos dominantes (as oligarquías) non só controlaban o poder senón os mecanismos de forza que sosteñen o poder. Pódese dicir que a guerra civil de 1936 foi o resultado daquel fracaso.

Afortunadamente, a sociedade española actual é moi distinta. A situación económica, sempre que non deixemos que se degrade; a formación cultural e educativa da poboación, a nosa instalación no ámbito europeo, a estabilidade das nosas institucións, etcétera, son factores positivos que nada teñen que ver coa realidade doutras épocas. Tampouco foron os rexeneracionistas os únicos que fracasaron antes: a Ilustración, por exemplo, intentou abrir espazos para a modernidade, e mesmo hai algún exemplos anteriores. Pero a situación volve demandar cambios, fenómeno cíclico, repito, que se dá en todas as sociedades. ¿Saberemos mover as fichas esta vez coa intelixencia necesaria? Diante dos cambios hai sempre un punto de incerteza que preocupa, certamente, pero que non debería paralizarnos. Porque se non actuamos agora, se cadra cando queiramos facelo será tarde de máis, e o prezo a pagar moito máis alto.