Aprendendo a formar gobernos de coalición

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

10 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En España están aprendendo a facer gobernos de coalición. Para intentalo hai catro partidos que non teñen maioría garantida nin sequera pactando entre dous, pois necesitan a abstención activa dun terceiro. Como non están afeitos ao pacto, a transacción e o acordo, resúltalles máis doado dicir o que non queren -liñas vermellas- que o que queren -propostas de goberno-. Ademais, nun escenario político tan volátil os partidos pelexan pola súa propia supervivencia: os dous grandes e vellos partidos por non desmedrar máis e os novos, por consolidarse dende un éxito aínda fráxil e inestable. Móvense entre a falta de hábito, os seus estritos intereses partidarios e a necesidade de atender aos seus votantes.

Atender aos seus electores non é un asunto menor para os partidos en democracia e menos dende que a demoscopia certifica cada pouco as nosas preferencias. Por iso sabemos que o 61 % dos cidadáns queren que se forme un goberno de coalición, asumindo a evidencia do que eles mesmos votaron, e que só 33 % prefire que se repitan eleccións. Postos a interpretar, diríase que unha maioría de votantes quere que os partidos se poñan de acordo en puntos ben definidos. Acabar coa corrupción e limpar a vida pública empezando pola vía máis sinxela de traer novas caras e novos aires. Mudar a política económica para favorecer a creación de emprego dende o punto de vista de empregados e empregadores, dado o fracaso de facelo do punto de vista do capital especulativo. Resolver as ameazas que axexan ao sistema sanitario e que os usuarios e os profesionais perciben dramaticamente. Recuperar sentido común -por usar expresión tan querida de Rajoy- na política educativa, universitaria, científica e cultural. Aceptar a realidade plurinacional volvendo a falar en serio de política en vez de castigarnos con mesiánicas táboas da lei.

Aprendendo a facer gobernos de coalición, os partidos españois están inventando a tradición das democracias. Nunca se fixeron dende 1977 e por iso é normal que leve o seu tempo. Foron habituais entre 1868 e 1936, pero o longo franquismo antidemocrático encheuse despois de demonizar o que chamou «componendas da partitocracia». Son habituais os gobernos de coalición na Europa democrática de hoxe como o foron en Cataluña, País Vasco e Galicia cando non gobernou o frontismo do PP. Pero ademais de partidos, votantes e culturas políticas, hai que ter en conta o que antes se chamaban poderes fácticos e as súas preferencias e influencias.

O PP está inmobilizado cun programa baseado na unidade e a soberanía de España, o antiterrorismo e un programa europeo que di partillar con PSOE e Ciudadanos pero que non di nada dos problemas da maioría. Tamén é unha potente maquinaria autónoma que non recibe consellos a cambio de nada. O PSOE quere formar goberno mirando a dereita, esquerda e cara atrás para controlar lastres. Se non o logra será superado. Ciudadanos, que só pode aspirar ao novo, é o máis sensible a que os poderes fácticos o orienten. Podemos e aliados terán que asumir que depende deles a demanda social de cambio xa. Os nacionalistas todos aplaudirán un novo Goberno. Escoitámolo alto e forte por boca do PNV, o único que pode falar. Só queda que os poderes fácticos favorezan, coa abstención de algún partido, a estabilidade que a eles tamén lles interesa.