Se non estivésemos tan preocupados pola situación política en España, prestariamos máis atención ao caso das tres monxas indias que, segundo a denuncia presentada contra un convento de clausura de Santiago, estaban retidas en contra da súa vontade.
Agora sábese que a denuncia non partiu desas monxas, que declararon estar agradecidas á superiora, senón doutra exmonxa que está a traballar en Madrid, e que unha das supostas vítimas fora a encargada do torno, é dicir , estaba en contacto co mundo exterior, e por tanto tería ocasións de denunciar a súa situación. E que xa iniciaran os trámites eclesiásticos para colgar os hábitos.
Os comentarios do papa déronlle, ao que parecía un asunto de abusos e coacción, outro sentido que o fai máis xeral e actual. En realidade trátase dun problema de acollida de emigrantes. Nos conventos españois de clausura só hai velliñas porque non hai vocacións. «E que fan -di o papa- Acoller... E veñen, veñen, veñen. E despois, os problemas». Ou sexa, que chegan ao convento como chegan os refuxiados ás praias de Europa.
O consello do papa é: «Débese acoller con seriedade». Ou sexa, que ás monxas non se lles coen mozas doutros países sen máis vocación que a de saír da miseria ou da opresión... nin ao resto de Europa tipos que despois rouban e violan ás mulleres en Fin de Ano. Bo consello, pero ¿como distinguilos, Santidade?