Principios e pasos

Rosa Quintana
Rosa Quintana FIRMA INVITADA

OPINIÓN

07 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi a principios dos anos noventa cando Galicia levantou a man e pediu paso para o marisqueo. Centos de mulleres maiormente, salpicadas por todo o litoral, acudían case a diario a apañar un balde de ameixa ou berberecho para a caldeirada ou sacar un changüí. Elas foron as que decidiron, con axuda de quen as guiamos daquela, dar un paso máis aló e converterse en mariscadoras. Tamén foron as que deixaron de baixar ás praias soamente a recoller para comezar a sementar. Angazo en man, pasaron a ser labradoras, limpadoras, gardiás e cultivadoras. Colléronlle o punto ao mar e aprenderon a dominalo. Daquela eran afeccionadas, hoxe poden dicir orgullosas que son profesionais, autónomas e que se alegran de ter dado ese -difícil- paso cara adiante.

Foi nos anos corenta cando Galicia deu outro -difícil- paso de xigante apostando polo cultivo do mexillón nuns artefactos de madeira que daquela resultaban estraños, que recibiron durísimas críticas e que sobreviviron a grandes manifestacións cada vez que eran instalados nunha nova ría. Esas bateas forman parte hoxe dun dos nosos símbolos de identidade e un piar importantísimo da nosa economía que agora xa ninguén cuestiona senón que aplaude e defende.

Ninguén concibiría hoxe Galicia sen mariscadoras ou sen bateeiros. Ninguén. O Goberno do que formo parte, o primeiro. E digo o primeiro porque demostramos sobradamente que foi este Goberno quen máis apostou por eles e por recoñecer a súa idiosincrasia, o seu saber facer e o seu traballo singular á par que emblemático. Foi o Goberno do que formo parte o que puxo os contadores a cero das bateas tan pronto como se constituíu, conseguindo unha prórroga de 30 anos ás concesións evitando que saíran a concurso e alonxando as pantasmas das multinacionais que agora outros intentan resucitar baseándose en falsidades. Tamén foi este Goberno o que lle outorgou ás familias dos parquistas o título habilitante definitivo para poder desenvolver a súa actividade con tranquilidade. E o sector é coñecedor. Como coñecedor é tamén de que foi este Goberno quen reformulou unha Lei de Pesca na que as confrarías estaban abocadas á desaparición para que, lonxe diso, saíran reforzadas. Intentar sementar as ideas contrarias non ten outra definición que a do engano e quen o está a facer terá que responder algún día cal é a fin que persegue para empregar estes medios.

Sen outro obxectivo máis que o de procurar dar outro paso a fronte cara o desenvolvemento do sector e poñer a Galicia á cabeza de Europa en todo o que ten que ver cos cultivos mariños, Galicia volveu levantar a man para pedir paso poñendo negro sobre branco un texto que hoxe por hoxe non verá a luz ata que o sector o entenda, o comprenda e o comparta. Os pasos importantes é conveniente dalos, pero é imprescindible facelo collidos da man e sen confrontación. Reitero a miña palabra de que ese paso non se dará se non goza do respaldo do sector a quen o único esforzo que lle pido é o de que escoite.

«Mantén a fidelidade e a sinceridade como primeiros principios» dicía o pensador chinés Confucio. Esa fidelidade e sinceridade son os principios que sempre defendín e que me permitirán o día de mañá poder mirarlle aos ollos a todos e cada un dos mariñeiros, bateeiros e mariscadores. Só agardo que quen hoxe os intenta apear do tren no que no pasado logramos subirnos, teña o día de mañá a dignidade de miralos tamén para explicarlles por que os enganou. Eu podo dicir que non terei que facelo.