Remata o tempo da hexemonía, comeza o da pluralidade

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

30 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Parece que empeza o tempo no que o pluralismo, propio das democracias todas, desprazará en España aquela vontade hexemónica que requiría sempre da maioría absoluta, entendida como situación normal de Goberno. A democracia española non sei se era incompleta, limitada ou falsa, como din algúns, pero era diferente. Era a única na que un só partido dominaba o sistema político dende o centro á dereita. A única na que nunca houbo un Goberno de coalición. A única na que se consideraba un mal do demo calquera Goberno bipartito e non digamos o de tres partidos. A única que presumindo de estar fundada no consenso -todas o están- penalizaba a capacidade dos partidos para pactar, transaccionar ou acordar. Agás as inconfesables dos dous partidos do bipartidismo. A única que nunca falaba do pasado, oficial nin oficiosamente, sen dúbida por ser a máis nova das democracias de Europa occidental. A única na que a vontade de hexemonía -supremacía ou dominio- das principais forzas políticas da esquerda predominaba sobre calquera outro valor.

Porque tantas diferenzas con calquera outra democracia europea? Repito, con calquera. Como teimosamente tentamos explicar os historiadores, a diferenza está na historia: no pasado que nos constrúe e na idea do pasado que construímos. Somos máis historia que demoscopia, aínda que non o pareza. Xa o advertiu para o caso español hai vinte anos Paloma Aguilar, unha das politólogas españolas máis brillantes e menos coñecidas fora da Academia. Vendo o que está pasando reparamos en como a preferencia por vivir un presente baseado no esquecemento do pasado desposuíu ao sistema político e social de alicerces e mecanismos para entenderse e para explicarse. No Estado español, a Historia -a diferenza de calquera outro país culto- non serve como referencia e fundamento, senón como atadura; non como instrumento para entender e xestionar as mudanzas, senón como argumento para o inmobilismo. Ser a suposta nación mais antiga de Europa coa democracia máis recente é algo máis que unha contradición.

A vontade hexemónica da esquerda española ven do Partido Comunista Italiano. Era o camiño do PCI cara a democracia pluralista e para arrombar a ditadura do proletariado incompatible coa democracia; a vía que Gramsci deseña con intelixencia nos cárceres do fascismo e Togliatti inaugura e practica despois de 1945. No Estado español esa idea e vocación de construír a hexemonía incorpórase ao PSOE a través dos cadros eurocomunistas, dos que Solé Tura é a expresión máis requintada. Tamén estaba presente en Esquerda Galega, Euskadiko Ezquerra e outros grupos. Tanto arraigou esa idea na cultura da esquerda que aínda pervive en Podemos cando é antitética co pluralismo radical que esa forza está a provocar no sistema político. Na dereita, a vontade hexemónica atreveríame a dicir que tamén bebe das mesmas fontes, sen sabelo, por mor da hexemonía intelectual e académica da esquerda na democracia. Pero procede sobre todo da vontade frontista -máis propia dos anos trinta- con que Fraga construíu a unidade. No tempo que ven posiblemente xa non será posible desprazar a todos os demais partidos na dereita nin na esquerda. Gañará a capacidade de eleccións dos cidadáns.