Chamáronse «pactos» porque foron dous: o económico, que se asinou o 25 de outubro no pazo da Moncloa; e o político, dous días despois no Congreso dos Deputados. O artífice foi o vicepresidente económico Enrique Fuentes Quintana, que conseguiu convencer a Goberno e oposición de que «ou a democracia acaba coa inflación, ou a inflación acaba coa democracia». A inflación pasara no último ano do 20 % ao 44 %; outros indicadores da desastrosa situación da economía española, estaban no prezo do litro de gasolina, que en catro anos subira de 12,98 a 33,94 pesetas; o número de parados, que por primeira vez chegaba ao millón; a débeda exterior, que triplicaba as reservas de ouro e divisas do Banco de España; e o interese dos préstamos bancarios, que podía acadar o 20 %.
O pacto económico era todo un plan que ía das reformas fiscal, da Seguridade Social e do sistema financeiro, ás políticas enerxética e de urbanismo, pasando polo control do gasto público e a contención de salarios. Os efectos notáronse de contado na estabilidade dos prezos.
O pacto político tratou da liberdade de expresión e reunión, da despenalización do adulterio, da legalización dos anticonceptivos? Alianza Popular non quixo asinalos.