2016

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

31 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Que non perdan sempre os mesmos. Que as luces de cores sirvan para borrar negrores e espantos (falo das luces de dentro, esas que sentes cando a soidade arrabuña). Que os afectos triunfen entre as ruínas do corazón. Que o corazón non teña carta de clausura. Que a felicidade non resulte inalcanzable. Que a pilles, corre corre. Que as noites e os días estean abarrotados de abrazos, apretados e cálidos. Que o frío sexa un accidente climático, simplemente. Que os lunáticos teñan espazos públicos onde recitar poemas á súa dama, lúa con trenzas licor café. Que aos amigos lles vaia ben, e aos inimigos, e que o rancor sexa menos rancoroso. Que a liberdade sexa para todos. Que escribamos a palabra tolerancia na fronte dos intolerantes, tantos. Que a melancolía non morda o interior dos derrotados. Que non te vaias. Que non cheguemos tarde nunca máis. Que morran de envexa os que non saben querer. Que me abraces cos ollos pechados, como eu te abrazo a ti. Que Concha e Marta «nunca se entreguen, ni se aparten, junto al camino nunca digan no puedo más y aquí me quedo». Que a ilusión siga alimentándonos. Que os novos teñan mellor futuro que este presente. Que o fracaso non nos faga chorar. Que as lágrimas sexan só de alegría. Que Galicia siga a ser o país das marabillas. Que a poesía perdure. Que a violencia rebente. Que non volva entrar nese túnel coñecido: camiño nada. Que non faltes, esperanza. Que sigas pintando de azul claro o ceo e todas as chuvias, nube nube. Que algún día todos nos caiamos da risa. Ai, amor, que ti reines (repito). E se todo isto non fose suficiente, 2016, non deixes de sorprendernos con caricias, sorpresas, bicos, tenrura. A nós, que tanto queremos.