O teatro de todos

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

30 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Segundo as estatísticas, a vostede o teatro dálle igual. Se cadra, por iso non soubo que o Centro Dramático Galego (CDG) estivo meses esmorecendo. Quizais nin sequera chegou a saber que o CDG é unha institución que pagamos entre todos para cumprir o seu dereito a ter teatro aínda que non o use.

En fin, xa se sabe que estas cousas, clamorosas se afectasen á banca, pasan desapercibidas cando se trata da cultura. Aínda así, resístome á súa indiferenza, e voulle contar unha boa nova: Fefa Alonso vaise encargar de reflotar o CDG. As metáforas náuticas acáenlle ao noso teatro público desde que Manuel Guede o denominou «buque insignia» do teatro galego, aínda que ultimamente lle imite máis ao Titanic.

O CDG ao que se enfronta Fefa Alonso ten o casco cheo de buratos e navega de popa na súa relación coa profesión teatral e co público, e por iso ten por diante retos ben difíciles de resolver cun orzamento baixo mínimos e coas súas atribucións reducidas a unha especie de xefa de produción con honras.

Por desgraza, Alonso non gozará da consideración institucional, protocolaria e remunerativa dos cargos culturais cando os conselleiros queren consideralos «altos». Pero como ata agora todo o que Fefa Alonso fixo o fixo ben, non me cabe dúbida de que salvará a situación, malia a incomprensión dun Goberno que segue sen entender que un Centro Dramático Galego potente e independente doutras institucións é mellor para quen manda e para quen vota.

Pero moito temo que neste buque insignia que está quedando en dorniña, vai ser necesario que o almirante Álvaro Bazán se alíe co mesmísimo Barbarroxa se alguén ten interese en que o barco volva ser a Raíña dos Mares.