Colla 1 gramo de auga a 24 ºC (temperatura que acada o mar en vastas zonas do planeta), póñao nun tubo que teña 1 centímetro cadrado de sección, e quénteo 1 ºC. A auga aumentará de volume 2,5 partes en 10.000, e aumentará a súa altura no tubo. Se no mesmo tubo pon 1 kg de auga (a columna de auga sería agora de 10 metros) e o volve a quecer 1 ºC, o aumento do nivel sería de 2.5 milímetros. Pode parecerlle unha miseria, pero traslademos o noso experimento ao mar: a súa temperatura evoluciona do mesmo xeito ata os 200 metros. Só aumentando 1ºC nesa zona, o nivel do mar subiría 5 cm. Este cálculo xa lle permite achegarse aos datos reais: a temperatura global da Terra aumentou uns 0.7 ºC no século XX e o nivel do mar subiu 19 cm. Non parece un valor apocalíptico. De onde saen pois eses valores de varios metros que se publican na prensa? Do xeo que está enriba de zonas terrestres que, ao derreterse, faría subir o nivel do mar dun xeito que superaría con creces o mero efecto da dilatación da auga. A proba? A última glaciación rematou hai 12.000 anos, derretéronse os xeos e o nivel do mar subiu da orde de 100 metros. Os científicos sábeno ben, e por iso temen os efectos que comezan a detectar nas zonas polares, debido ao cambio climático que estamos provocando cos nosos gases de efecto invernadoiro. Ben faremos en cumprir o acordo de París: pasarnos 2 º podería ser fatal.