Ir votar

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Recordo a primeira vez que fun votar. Sentinme responsable, e pensei ben que era o que ía facer. Repetín a operación en todas as ocasións que exercín o dereito, sen perder unha. Ir á mesa electoral segue sendo unha data ineludible. Enchíame de orgullo ver a meu avó facéndoo, apoiado no seu caxato, resgardándose das inclemencias baixo a boina. A el tamén lle gustaba que recoñecesen o esforzo de ir con pasiños moi curtos desde a casa ata o colexio electoral. Cando un presidente o denominou o decano dos votantes, enchéuselle o peito de fachenda. Morreu rozando o século de vida, e sentía cada cita como un deber ao que non faltar. Dicía que custara moito ser demócratas, que el vivira tempos distintos, e esa oportunidade non a podiamos perder.

Tamén eu sentín como un deber presidir un ano unha das mesas. Unha xornada ben dura, pero tamén unha boa experiencia. No momento do reconto, da decisión dos votos nulos, batíame o peito.

Por iso veño de depositar o meu voto na oficina de Correos. Non vou poder estar no distrito que me corresponde o próximo día 20. Este é o meu deber. E o de coñecer as propostas que fan os distintos partidos. Non sempre é sinxelo decidir.

Vaian votar. É o máis importante. Tamén ler e escoitar as propostas, incluso as que cremos rexeitar de lonxe. Quen sabe! Votar é un deber, si, pero informarnos sobre o que propoñen os que aspiran a gobernarnos tamén debera ser unha responsabilidade. E para escoitar, e ver, hai que abrir orellas e ollos, non o esquezamos.