O único desafío é ser feliz (...) Os outros importan menos. Non perdas o tempo lanzándote á desventurada aventura: ser o que outros queren que sexas, non o que ti queres ser. Se es feliz mirando as nubes, mira as nubes. Non perdas o tempo atado na tea opaca do qué dirán. Para este decembro recén iniciado debes acometer, tamén, outros desafíos (todos, confeso, encamiñados a obter o desafío principal anotado na inaugural frase deste xoves). Procura mirar o lado bo de todo o que che pasa: cando unhas portas pechan, outras abren. Non poñas cara mala, incluso o malo é máis soportable ao debuxar un sorriso entre os labios. Cando te equivoques, recoñece que te equivocaches e, de contado, procura enmendar o teu erro. Cando caias, levántate. Non sexas copia de ninguén, senón de ti mesmo. Namórate, se podes, porque o amor ha de facerte sentir única, único. Pon a mirada na proa do barco e deixa a popa só para recordar os momentos gratos, de uva e cereixas e infancia no mes de Nadal. Baila. Escoita discos que te emocionen. Emociónate, pois. Mírate ao espello e pensa que podía ser peor. Emociónate outra vez. Que non pase un día sen que deas un abrazo (¿Sabes?, cando abrazas hai alguén que te está abrazando tamén). Eleva a voz e sente orgullo dunha das túas maiores riquezas: os amigos. Non poñas rostro pálido tristón e non te burles dos que pensamos que o Nadal, coas súas luces e bos desexos, aínda que en ocasións parezan hipócritas, é mellor que outro tempo menos ruidoso. Quítate a cara de vinagre. E se todo isto non abondase para alegrar este mes, regresa ás primeiras liñas desta columna, as únicas indispensables: o único desafío é ser feliz (?) Os outros importan menos.