Ciudadanos: a dereita con propostas

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

08 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A aparición de Ciudadanos en si mesma é unha boa noticia para o sistema democrático, porque aumenta a oferta electoral na dereita e contribúe a normalizar o sistema político español rachando co frontismo da dereita española. Despois de corenta anos, por fin parece que vai haber un partido na dereita que permita elixir aos cidadáns que se moven nese ámbito. Unha posibilidade real en Cataluña, no País Vasco, ás veces en Navarra, Valencia ou en Galicia até a liquidación de Coalición Galega, pero imposible no resto do Estado. A agrupación da dereita española nun único partido foi mérito de Fraga e por iso mesmo un residuo do pasado xa cando se fixo. Dun pasado frontista e franquista que nos remonta non a hai corenta anos, senón a hai oitenta. Tan evidente era esta anormalidade da democracia española e tanto reducía a capacidade de elección que se sucederon os intentos de arranxala (CDS, operación reformista) e por fin coa crise e ao destape da corrupción parece que vai lograrse co impulso ben evidente de certas elites económicas e mediáticas.

O agrupamento nunha única «maioría natural» da dereita por Fraga foi loada -de Carrillo a Pujol- como unha vía para enxergar á extrema dereita no sistema democrático e até hoxe foi a vía para evitar a aparición dunha formación de extrema dereita en España. A consecuencia foi tamén que esa extrema dereita ocupou o seu terreo no PP e fixo valer vellas posicións e vellas prácticas herdadas do pasado non democrático como quen non quere a cousa. Quen fai historia do franquismo e das súas lóxicas non se estraña do uso do Estado para enriquecerse nin de tantas formas de rapina política como seica estamos a descubrir hoxe. Por iso tamén é moi saudable unha nova dereita que obrigue a rexenerarse á vella. Por outra parte, preguntémonos se había tanta extrema dereita en España na saída da ditadura como pensabamos ou máis ben como nos fixeron ver. Tiñan poder, si, pero non eran tantos á hora de votar. Pois agora aínda son menos.

Ciudadanos aporta tamén claridade no discurso e no debate político. Racha con esa forma tan do PP de enganar ao electorado dicindo unha cousa para facer outra. Así por exemplo en vez de dicir que vai afortalar o sistema autonómico para logo recentralizar a manta e xerar conflitos como fixo o PP, Ciudadanos escribe que quere «clarificar el modelo autonómico, elaborando un listado de competencias exclusivas del Estado, competencias compartidas, y competencias de las comunidades autónomas» (non hai versión en galego aínda). No resto do programa deixa ben claro en que consiste esa racionalización xacobina que propoñen. Non atopei entre as súas propostas ningunha referencia a pórlle letra á Marcha Real pero non vexo imposible que o fagan nin que no futuro promovan estender o seu canto en estadios de fútbol e escolas como forma de nacionalización. Tampouco insisten como o PP en garantir pensións ou contratos fixos. Son partidarios do mercado libre sen complexos nin freos correctores. Máis alá diso, polo medio tamén teñen propostas ben aceptables por certo, en relación coa conciliación ou os horarios.