Principios

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Vivir como se cada día fose o último día. Sentir, emocionarte, facer do optimismo o único dogma. Non deixar caer a ilusión. Ter algo polo que saír da cama cada xornada, por insignificante que pareza. Non permitir que os corvos do desencanto, paxaros negros da decepción, aniñen no teu cabelo loiro roxo marrón negro. Pensar e afirmar e asegurar que non todo ten prezo. Ler. Pensar. Facer da benevolencia unha patria. Ser xeneroso. A lealdade. Non pasar horas e horas con queixas e laios e saloucos na túa boca: ¿Cómo estás? Ben, sempre ben. Axudar. Ser como queres ser e non coma os outros queren que sexas. Cando caias, levantarte. Cando te levantes, andar. Cando andes, vai a algunha parte: non deas voltas constantemente a ti mesmo. Unha frase: a vida son catro días. Outra: aborrezo as verdades absolutas. Saber chorar, cando toque chorar, e non facer das bágoas unha frivolidade. Coñecer. Non perder a curiosidade. Non habituarse á tristeza. Ignorar aos que presumen da súa ignorancia: vivimos nun tempo nocivo para a intelixencia, tanto que algúns necios alcanzan fama e popularidade. Admirar aos ilustrados. Desprezar aos intolerantes. Non cansarte de esperar (soles, luces, vigor) por moito que desesperanza rabuñe a túa pel. Amar e facer méritos para ser amada, amado. Rir. Non ocultarte cando o sintagma «problemas» abra o pano da semana. Repartir abrazos. Non ter medo ao medo. Instaurar, sen complexos, a imaxinación e o talento e a beleza (inútiles) por riba do útil, produtivo, eficaz. Estes son os principios deste xoves, contraportada arriba, nadando como un náufrago que se nega a afogar para vivir, revivir, vivirte e revivirte. Como se cada día fose o último día. Amén.