Non é só París

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Foi na cidade do amor, precisamente, esta serie de atentados que sementaron o terror no mundo enteiro. Por un segundo todos pensamos cando poderemos ir alí a marabillarnos con esas rúas que destilan arte e beleza en cada recuncho. E noutro segundo, tamén se nos veu á mente que os seguintes poderemos ser nós. Por que non? Son moitos os países ameazados. Seguramente non sexa máis ca cuestión de tempo.

Cando temos medo, e o sentimos preto, facémonos máis sensibles.

En xeral, faime moito dano ver este tipo de imaxes. As traxedias son moi difíciles de dixerir. O medo desa xente correndo, fuxindo, escapando á maior velocidade que poden, sen saber a onde ir, onde resgardarse, dubidando de se haberá un mañá, atemorizados por se na seguinte esquina alguén lle sega a vida... é demoledor. O terror vivido traspasa, neste caso, os quilómetros, as fronteiras, os televisores. Xéasenos a alma.

E o peor de todo é que o problema é moito maior. Non é só París. Non se trata da cidade do amor, non. Hai outras cidades, máis tristes, grises e sen tanta luz irradiando sobre elas que sofren guerras e exterminios cada día. Beirut, sen ir máis lonxe, acaba de perder 40 persoas e ferir fisicamente a outras 200 tamén en dous atentados suicidas.

Hai miles de vidas que se esfuman a diario en moitos outros lugares. Ocórreseme Siria, que ata hai pouco ocupaba os nosos noticiarios. E outras que non se ven, ou non queremos ver. O Líbano, O Congo, Iraq... A guerra está espallada polo mundo. O diálogo enmudece.