Demasiadas chapuzas

Miguel Ángel Bastos Boubeta PROFESOR DE CIENCIA POLÍTICA DE LA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

OPINIÓN

29 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Calquera que estude a evolución dos movementos secesionistas no mundo sabe que de expresarse de forma persistente e clara pola cidadanía unha vontade clara e maioritaria de secesión, esta tarde ou cedo remata por concretarse no establecemento dun novo Estado. Este podería ser o caso catalán. Pero tamén se sabe que no caso de darse esta de forma pacífica e ordenada non se fai ás présas, senón pactando co Estado anterior os termos da mesma para non deixar nunha sorte de limbo xurídico a cidadanía de ambos Estados. En primeiro lugar a Cataluña independente tería que buscar o recoñecemento internacional dos Estados xa constituídos, o cal non se dá nestes momentos, e das distintas institucións que conforman o sistema internacional, tal como a ONU, a UE, o FMI, etcétera. Salvo que Cataluña quixera estar nunha sorte de limbo como Taiwán, Palestina, Trandsniester ou o Estado Islámico, por pór algúns exemplos, sería necesario negociar antes da independencia polo menos a posibilidade de ser recoñecido internacionalmente. Tamén parece algo chapuceiro a idea de desconectar a Administración tributaria ou os organismos da Seguridade Social previamente a desconexión legal. Os cidadáns cataláns pasarían a estar suxeitos a dupla imposición, non terían claro cales serían as normas que rexerían o cobro das súas prestacións e nin sequera en que moeda ían cobrala. O mesmo acontecería, entre outras moitas cousas, coas débedas que teñen establecidas cos bancos españois ou do resto do mundo, se poderían desprazarse por Europa sen visado, ou tamén que parte da débeda pública española terían que asumir. Estas cousas adoitan estar claras dende o primeiro día da independencia e normalmente levan anos de complexas negociacións por parte de ambas partes. Por isto non é concebible un proceso deste tipo sen negociacións claras, salvo, claro está, que o modelo catalán sexa o da secesión de Eritrea, que non parece o caso polo ben dos cidadáns cataláns.

Entendo, por tanto, que a declaración de independencia prevista para a próxima semana non é máis que un discurso retórico pensado para presionar ao Goberno español a iniciar un proceso, este si legal, de secesión, e como tal hai que velo, sen magnificar a súa transcendencia. Os cataláns teñen se queren moitas vías legais ao seu alcance se queren de verdade a independencia. A primeira é sen dúbida amosar de forma continuada a súa vontade de facelo, isto é, manifestando elección tras elección a súa vontade inequívoca. A segunda, xogando dentro do marco legal cos escanos e concelleiros obtidos nas eleccións, de tal forma que presionen aos partidos estatais a negociar aproveitando as súas decisións. ¿Alguén cre que de facer falta por activa ou pasiva os seus escanos para gobernar o Estado estes non van ser dunha forma ou outra aproveitados? O mesmo acontecería co Goberno das grandes cidades.

O problema que teñen os independentistas é que moi probablemente non sexan capaces de manterse unidos co único aglutinador da independencia e tarde ou cedo saltarán tensións entre eles. E esta é tamén a vía que teñen os unionistas para desactivar o conflito sen recorrer a medidas extraordinarias. Polo tanto, non magnifiquemos a declaración, que non vai a ningures, e comecemos o xogo político, que é o único que procede.