Ademais da evidente, hai outro tipo de explotación infantil: a que sofren os nenos e nenas que teñen algún tipo de habilidade ou talento e son paseados polos seus pais por concursos de beleza, certames de canto ou baile, ou castings para converterse en estrelas do cine. Comportamento que parece obedecer ás frustracións e os desexos dos pais máis que ás aspiracións dos nenos, que o pasan mal, como é normal que suceda en toda competición. Agora ata se fan públicos aspectos da vida dos nenos que non deberían transcender o ámbito da intimidade, como sucede nun vídeo que circula por Internet e ten máis de dous millóns de reproducións. Unha nena de tres anos bótase a chorar a berros cando se decata de que o cantante Adam Levine está casado. A súa mamá colgou o vídeo en YouTube e unha canle de televisión decidiu facer un programa sobre o asunto, completándoo coa presenza do cantante. Todo foi ben ata que este apareceu, é dicir, ata que enfrontaron á nena coa realidade, coa persoa física. A mamá parecía encantada, pero a pequena refuxiouse nos seus brazos, aferrouse a ela e abrazábaa con angustia, fundíndose co corpo da súa nai cada vez que o cantante intentaba un xesto de achegamento a ela. Creo que os pais deberían buscarse a fama por si mesmos e non a través dos seus fillos, e que os medios de comunicación non debían de fomentar esta explotación da infancia.