Melancólicos

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

Os melancólicos somos unha especie en perigo de extinción. Antes aínda tiñamos un valor de mercado, escaso certamente, pero había quen nos miraba con ollos piadosos e amosaba certa misericordia. Agora, nin eso. A melancolía borrouse da literatura, por exemplo, e o que antes era virtude agora non deixa de ser unha falta gravísima de talento literario. Os melancólicos recoñécense polas rúas. Míranse aos ollos e saben que teñen enfronte un espello. Pero néganse a falar entre eles. E non por vergonza, senón porque saben que a melancolía xa non leva a ningunha parte. Quijano era o melancólico supino. Imaxinen vostedes un Quijote en medio da xungla do presente. Un melancólico na política, qué barbaridade. Ou no mundo económico, impensable. Porén os melancólicos existen en todas partes, aínda que non estean de moda. E un afirma que os grandes progresos da humanidade, en contra do que poida parecer, foron executados por homes e mulleres que, algunha vez ou de modo perenne, sentiron a melancolía na súa alma. E na súa pel. Porque a melancolía rabuña con astucia e lévate ao camarote das urxencias. Este xoves quería convocar aos melancólicos que se congregan na lectura desta columna para invitalos a resistir. Os melancólicos son os últimos vestixios dunha civilización que se está caendo por falta, precisamente, de melancolía. Véndennos o mundo do ocio como o único mundo posible. Se non entras no canon do correcto, ese que demandan as máis altas institucións fácticas, quedas inmediatamente fulminado. Se non apareces, desapareces para sempre. A soidade é unha doenza mal vista. E a tristeza non debe existir neste mundo feliz que nos debuxan. Unha especie en perigo de extinción, dicía.