Anuncios machistas

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

14 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

É un tema repetido, pero como tamén se repiten as agresións machistas, hai que volver sobre iso tantas veces como sexa necesario ata que ás empresas anunciadoras se persuadan de que lles resulta prexudicial o uso das mulleres como obxectos de consumo.

Nesta ocasión trátase do cartel co que Renault decidiu anunciar unha feira de coches usados en Bogotá: un cartel no que se ve a unha muller en roupa interior tombada sobre un sofá e no que aparece sobreimpreso un texto: «Paula Hernández, 40 anos, dúas veces divorciada». E o slogan da marca é: «Coches usados e en perfecto estado». A equiparación da muller ao obxecto, é inmediata: como a señora é estupenda, o comprador entende que tamén o son os coches usados de Renault.

Por se non bastase esa equiparación denigrante para todas as mulleres, hai outra implícita e máis restrinxida: os coches usados, aínda que estean en bo estado, valen menos que os novos. E as divorciadas, ¿tamén valen menos? que as casadas ou as viúvas? Non; valen menos que as non usadas. Verdadeiramente repugnante. O máis triste é que as denuncias destas agresións machistas son ineficaces se non van acompañadas dunha sanción económica, que é a única que entenden os que demostran tal desprezo pola metade da humanidade.