O camiño

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

08 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Non encontrarás a felicidade unicamente evitando a dor ou a tristeza. O camiño é outro. Non a encontrarás distanciándote, agachándote, desistindo. O camiño da felicidade, realmente, faise día a día e paso a paso. Pensamos ás veces que está no poder, patrimonio ou divisas. Quizá. En ocasións, pola contra, consideramos que reside nas cousas simples e pequenas. Quizá. Pero ningún camiño serve se non encontras calma. Paz interior e física. Esa palabra da que só nos acordamos cando carecemos dela: vigor. Outros chámanlle saúde ou enerxía; fortaleza ou vitalidade. Escoitamos e lemos moitas veces o sintagma «sanidade» e, porén, moi poucas lemos ou escoitamos «saúde». Xa parece unha cuestión política o teu corpo. O que sentes ou deixas de sentir. E velaquí o único camiño á felicidade: o sentir. Sentirte ben, posúas ou non posúas poder, patrimonio ou divisas. Goces ou non das cousas pequenas e simples. O camiño da felicidade constrúese día a día e paso a paso, volvo dicir. Inténtao. Deixemos por un momento todo o superficial. Pechemos os ollos e miremos só o noso adentro. Non esquecer nunca onde queremos ir (o gozo) e tampouco de onde vimos. Contemplemos horizontes, metas, obxectivos: é probable que custe chegar, pero intentalo paga a pena. Ábrete, non te peches no cuarto escuro que só ti podes mirar: unha habitación que non ten vistas ao país das marabillas. Se precisas gritar, grita. Se necesitas unha man cómplice, pídea. Se amas, non deixes de demostralo cada día. Estímate, quérete, mírate nun espello de luz non de amargura. Non teñas medo ao medo. Todo pasa. Non encontrarás a felicidade unicamente evitando a dor ou a tristeza. O camiño é outro. Está dentro de ti.