Parece que nunca fuches un exemplo de coraxe. Non eras o delegado de clase, nin contaban contigo ao elixir equipo, nin todas as amigas querían ser as túas amigas, nin fuches a primeira en pintar os ollos de azul turquesa. Parece que pusilánime era un adxectivo que aprendiches tarde e definía exactamente o teu estado. Porén, ti, que non eras exemplo de coraxe, tomaches un día a arrebatada resolución de perseguir ferozmente a alegría e así, ferozmente, camiñabas rúas e canellas, ías de bar en bar abrazando a todos os que ofrecían abrazos e aos outros, que amosaban navallas, ofrecíalles o teu rostro afable e sereno. Corrías pola corda frouxa da sorpresa e esperabas, con ilusión, o inesperado. Soñador. Eras un soñador irrecuperable para a sociedade que perdera o reino de fantasía. Así ferozmente soñabas un mundo sen miseria nin miserables. Ferozmente ías tras a primeira risa. E chocabas eses cinco. E dicías si cando querías dicir si e non cando querías dicir non. Ferozmente segues existindo neste mundo onde os feroces dominan (outros feroces), non miran aos ollos, bican sen saber dar bicos e non aprenderon aínda a pronunciar a palabra quérote. Gústame a túa ferocidade. Esas ganas de vivir que ofreces. Esa luz que ilumina os lugares máis escuros. A sonata da túa boca cando animas, levantas, axudas, estás. A ti, que ferozmente persegues o gozo escríboche esta columna de gratitude. E sen rubor, incluso con insistencia, invito a perseguir ferozmente a felicidade. Sen medo nin medos. Ferozmente reclamando un diluvio universal de benevolencias. Ferozmente o camiño do corazón: que sexa el quen nos leve por todos os camiños. A ti, ferozmente, que persegues incansable, si, a alegría.