Rutinas

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

24 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai rutinas que salvan e outras, traidoras e miserables, que se enroscan ao teu corpo para afogar afogar afogarte. Rutinas de mel con queixo fresco do país e outras con sabor a ortiga. Rutinas que ennobrecen e dignifican e outras velenosas que envilecen e rabuñan. Prefiro as primeiras. Poñamos por exemplo a rutina do abrazo. Ao chegar, ao marchar, mentres estás e permaneces. Os bicos, que son máis necesarios que nunca neste tempo de promesas que non se cumprirán. Unha ración de tenrura cada cen gramos de mal humor, de mal amor quero dicir. Hai rutinas que nos engrandecen: humanamente. E outras que fan de nós súbditos, presidiarios fantasmas, escravos de famas e famosos, de modas e remodas: a insoportable levidade do ser. Hai rutinas de flores e outras punzantes, de arame e bala, descosidas da pel e da alma: rutinas insoportables. Hai rutinas para compartir, como o gozo ou a risa. E rutinas das que queres fuxir e non podes por moito que o intentas, e intentas, e volves intentar: esas rutinas ninguén debe coñecelas (garda a dor para ti e comparte a ventura con aqueles que te queren e queres). Hai rutinas que traen recordos felices: cando eras máis feliz. E outras que te levan a pensar que os túneles non teñen final, nin luz ao fondo, nin un bendito tren que pase por eles: a rutina da fatiga e da melancolía e da tristeza. Pido para ti só rutinas de alegría. Tamén para min: porque ás veces o corazón está colgado, pobre, en teas de malas arañas. Pido rutinas que nos vivan e revivan, que nos alcen e levanten. Rutinas de pétalos de orquídea, non de cravos. Rutinas para alegrar, cómplices desta contra sentimental. Rutinas para alegrarnos, nada máis. Nada menos, camaradas.