Á sombra de Plutón

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

24 may 2016 . Actualizado a las 11:43 h.

É difícil transmitir a complexidade dos cálculos físicos que cumpriron para deseñar a viaxe da nave Novos horizontes a Plutón. Está a unha distancia 33 veces maior que a que nos separa do Sol, que alí brilla 1.000 veces menos que na Terra. Levoulle chegar case unha década (levaríalle 700 anos indo á velocidade dun avión comercial). Malia iso, os deseñadores da órbita foron máis aló: calcularon a traxectoria para que a nave pasase pola sombra que fan tanto Plutón como a súa lúa Caronte, dúas minchas que, pintadas xuntas no mapa, apenas encherían a superficie de Australia. Pénseno ben, unha viaxe tan longa, tanto tempo... e unha precisión que fai que pase por ese mínimo tapón que Plutón e Caronte fan na luz do Sol.

¿Que se busca con iso? Sacar información das súas atmosferas. As ondas electromagnéticas que emite o Sol, ao pasaren por un gas, son absorbidas por el en certas frecuencias do dial. Aos gases pódeselles sacar o DNI vendo en que frecuencias absorben ondas electromagnéticas. Non só iso: a luz solar desvíase ao pasar pola súa atmosfera (do mesmo xeito que o fai nunha estrada quente, creando espellismos), e iso tamén nos dá información. Se Plutón e Caronte non tivesen atmosferas, a nave quedaría totalmente a escuras ao pasar polas súas sombras. Cando a nosa Terra tapa á Lúa nun eclipse total, esta non desaparece da nosa vista malia estar sendo tapada do Sol, senón que a vemos vermella, polo mesmo fenómeno que os científicos usan agora para estudar atmosferas tan lonxanas.