Vidas distintas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Ás veces penso que as vidas das xentes non son tan distintas. Cada unha coas súas peculiaridades, por suposto, pero semellantes en esencia. Pola contra, hai ocasións nas que me decato de que realmente existen moitos mundos, e non só o primeiro e o terceiro. Polo medio deses, vidas que non teñen nada que ver. Lía un titular de prensa no que aseguraban, en letras ben grandes, que Sara, unha moi coñecida presentadora de televisión, tomaba a decisión máis difícil da súa vida.

Busquei nas páxinas interiores, por ver se á moza lle acababan de descubrir unha enfermidade sen cura, ou sufría ameazas en contra da súa vida, viña de pasar o transo da morte dun familiar... pero nada diso atopei. O que pasaba é que vai pedir excedencia un par de anos na cadea de televisión na que traballa, e todo isto, para poder ir coa súa familia a outra cidade, pois o seu home, futbolista, cambia de equipo de fútbol e vai cobrar unha millonada por trasladárense alí.

A pobre da Sara non ten culpa ningunha, que ela non dixo ren nin a escoitei queixarse, polo que nada teño en contra. A traxedia presupoñíase desde o propio medio de comunicación, que a valoraban dese xeito. Foi entón cando fun consciente do diferentes que somos as persoas e as nosas vidas. Seguramente esa non sería ningunha decisión tráxica a tomar se nos viramos no caso. Ou si, quen sabe! Pero agora mesmo, nin nos formulamos a idea, pois sería algo así coma un soño para a xente de a pé. Aos ollos dos demais non somos iguais, está claro.