Sempre hai unha segunda oportunidade. Sempre hai un lugar escrito para ti entre as liñas máis fermosas da máis fermosa novela. A vida cambia. Non penses que hai mal que dure cen anos. A vida sorprende. En ocasións sorprende tanto que se pinta de azul o negro, e de laranxa cada amencer, e de rosa todas as ortigas. Hai que ser optimistas cando o optimismo desaparece. Reinvéntate. Debuxa unha paréntese entre os puntos suspensivos da melancolía. Abrázate á vida este verán, e non poñas peros. Cada pero é unha porta que abrimos para que entren fantasmas de sabas moradas, tristóns e pesarosos. A vida agarda por ti cada minuto. É unha viaxe que inicias cada mañá, cando saír da cama é unha batalla que debes ganar, cando pesa a alma máis que o corpo. Unha viaxe na que podes encontrar de todo. Monstros de mil cabezas, voitres, animalias. Porén, non perdas o teu tempo pelexando contra eles. O silencio importa máis que as palabras mal gastadas. Pasa. E continúa a viaxe. Repara na xente que reparte luz cando mira. Nos que fan da risa unha oración. Repara nos que se paran contigo para curar as feridas: os que borran cicatrices. Repara nos vividores. Porque vivir é o único que importa. Plena, intensa, calidamente. A vida é unha aventura reaparecida a cada instante. A vida é unha promesa que está por cumprir. Un soño soñado que repousa detrás dos espellos de Alicia. Cómplice de cada xoves, insistamos na vida. Perseveremos no labor diario de facela mellor (de facérmonos mellores). Todo o que observas foi creado para ti. O mar, o recendo da herba mollada, a terra, auga do poderoso río que leva os pesares. A vida cambia. Non penses que hai mal que dure cen anos. A vida, camarada. A vida.